Nota de prensa bng barro
Durante o ano 2007 comezaron as obras de ampliación da estrada provincial que une a N-550 coa igrexa de
Perdecanai. Estas obras foron paralizadas ao final dese mesmo ano por, en palabras do alcalde, “terse rematado o diñeiro previsto para a primeira fase”.
Desde entón esta estrada, debido ao efecto do inicio das obras e a ausencia total de sinalización, resulta moi perigosa.
Os terreos necesarios para a ampliación foron e están a ser cedidos polos propietarios a cambio da construción de muros e a reposición de servizos. Pero son estes mesmos veciños os que padeceron e están a padecer as maiores molestias derivadas pola paralización destas obras.
Esta situación levou ao BNG a presentar diversas iniciativas para lograr o remate destas obras:
– En novembro de 2008: moción pedindo a reanudación das obras. O goberno municipal do PP non apoiou a moción alegando que as mesmas se ían retomar en breve.
– En novembro de 2009: solicitude de reanudación das obras e reparación dun gran buraco que se producíu ao lado do lavadeiro, e que estivo durante seis meses sen arranxar, co conseguinte perigo, pola deixadez do concello e a Deputación.
– En setembro de 2010: terceira iniciativa municipal para demandar a reanudación das obras.
Varios meses despois da última moción, vendo que non había ningún sinal de que as obras fosen comezar, o Portavoz do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes, propuxo, nunha asemblea veciñal que se presentase un escrito na Deputación acompañado de sinaturas dos veciños e veciñas esixindo a reanudación das obras. Este escrito presentouse asinado por case un cento de veciños.
Posteriormente o Portavoz do BNG dirixiuse á Deputación para solicitar que se rematase coa situación na que se atopaba a estrada.
Neste mes de abril por fin volvemos ver máquinas para reanudar as obras, pero, para a nosa sorpresa, só para facer unha pequena parte das necesarias.
Ante as perguntas do BNG, tanto na Deputación como no Concello, de por que non se remataba o ensanche da mesma en todos os terreos que son cedidos polos propietarios, a resposta do alcalde foi que “non había máis cartos”.
O BNG vai seguir insistindo no remate total das obras, para que os veciños e veciñas de Perdecanai non teñan que estar catro anos máis sufrindo unha maneira de actuar por cachiños, que representan moitas molestias e perigos para todos.