O edificio multiusos de Barro recibe outra subvención da Deputación de 119.000 euros

O edificio multiusos municipal de Barro, situado no núcleo urbano de San Antoniño, recibirá unha nova subvención da Deputación de Pontevedra. A axuda concedida ao Concello, que ascende a 118.828 euros, foi aprobada onte na xunta de goberno do organismo provincial.

Segundo sinalou a Deputación, o proxecto contempla a adaptación do local existente no baixo do multiusos de Barro para o seu acondicionamento como sede dos servizos sociais muncipales.

Na actualidade, o local distribúese en dous espazos útiles cunha escaleira que comunica coas demais plantas. Dadas as necesidades derivadas das actividades sociais que alí se desenvolven, estas dúas estancias reorganizaranse nun vestíbulo, distribuidor, local de administración, vestíbulo de aseos, aseos, sala multiusos, sala de reunións e dous despachos.Os traballos non modificarán a estrutura do edificio.

O edificio multiusos de Barro xa recibiu o pasado ano uns 220.000 euros do Plan de Investimentos da Deputación (PID) para o acondicionamento interior deste inmoble. O resto do investimento do plan anticrise destinouse á adquisición dun tractor rozadora. O Concello empezou a construír o edificio hai máis de doce anos e a día de hoxe segue sen actividade.

 

Deixar un comentario