Se a semana pasada foi unha vivenda do lugar de Fonte do Curro , na
parroquia de Curro , nesta ocasión o obxectivo dos ladróns foi unha casa en construción situada no núcleo de Lourido, na parroquia de Perdecanai. Segundo transcendeu onte, o roubo produciuse o pasado luns e o propietario do inmoble presentou o martes a denuncia no cuartel da Garda Civil de Caldas.
Ao parecer, os cacos accederon á casa a última hora da mañá aproveitando que nese momento non había ninguén no interior. Para entrar forzaron unha porta traseira da vivenda.
Unha vez no interior, tiveron tempo para desmontar varios electrodomésticos da cociña. En concreto, levaron o frigorífico, un conxelador, unha vitrocerámica e un forno, ademais de diversas ferramentas que había no cuarto, entre elas, dous trades e varias brocas.
Sen Policía Local
A Garda Civil abriu unha investigación para intentar localizar aos autores deste roubo perpetrado en Lourido, en Perdecanai. Este suceso, sumado ao de Fonte do Curro , onde levaron xoias, causou preocupación entre os veciños do municipio. Barro é un concello de pouco máis de tres mil habitantes que non dispón de Policía Local nin de posto da Garda Civil. Só hai Protección Civil.