O BNG CHAMA A MANIFESTARSE EN DEFENSA DA CAIXA GALEGA

O BNG chama aos veciños e veciñas de Barro a manifestarse este domingo, día 13, ás 12 da mañá na alameda de Santiago Compostela, en defensa da caixa galega, do emprego e do país.

Vivimos un momento sumamente crítico, coa maior taxa de desemprego da nosa historia, froito das nefastas políticas neoliberais levadas a cabo tanto polo PSOE no goberno do Estado, como polo PP na Xunta, que están a esfarelar sectores estratéxicos do noso tecido produtivo, co conseguinte aumento do desemprego, que afecta xa a case un cuarto de millón de galegos e galegas.

A todo isto engádeselle a decisión política do PSOE, coa pasividade da Xunta e a complicidade do PP no Congreso, de acabar coa caixa galega, que, lembremos, agrupa máis do 50% do aforro do país.

Se non impedimos a bancarización da caixa, as súas consecuencias serán catastróficas para o tecido produtivo, ao dificultarse aínda máis a concesión de cretos ás medianas e pequenas empresas, para o emprego, para as persoas que precisan recurrir a creto e para a obra social da propia caixa.

É hora de reaccionar. De nós depende que o goberno do estado dea marcha atrás a decisións que son, obxectivamente, moi perxudiciais para o noso país e para o noso desenvolvemento económico e social.

 

Deixar un comentario