O propietario dunha vivenda do lugar de Fonte do Curro presentou onte á
primeira hora da mañá unha denuncia ante a Garda Civil por un roubo perpetrado na súa casa. Segundo fontes consultadas por La Voz, o autor ou autores da acción saltaron o aramado de peche e accederon ao interior do inmoble tras forzar unha das fiestras dianteiras.
Ao parecer, os ladróns revolveron os caixóns de varios cuartos e levaron diversas xoias que non foron valoradas, aínda que nunha primeira
estimación os efectos subtraídos poderían roldar os 3.000 euros. A familia sostén que o roubo se produciu entre as seis da tarde e as dez menos vinte da noite do martes, aproveitando que nese intervalo de tempo non había ninguén no interior da vivenda, situada no número 73 do lugar de Fonte do Curro , na parroquia de Santa María de Curro .
Ao lugar trasladouse un equipo da policía xudicial da Garda Civil para solicitar posibles pegadas.