A instalación dunha granitera en Barro-Meis dará emprego a unhas 15 persoas

A empresa Gescogra SLU, dedicada á transformación de cuarzo e granito, instalarase no polígono industrial de Barro-Meis, impulsado pola Deputación de Pontevedra. A firma granitera, con sede no propio municipio de Barro, contará cun equipo de entre 12 e 15 persoas, e para a súa nova localización pretende realizar un investimento duns 600.000 euros.

Segundo o organismo provincial, Gescogra pretende dotarse dunhas novas instalacións neste parque empresarial para pechar o seu ciclo produtivo, consistente na transformación da pedra en produtos finalistas con varias utilidades, como revestimentos, pavimentos, fabricación de chanzos ou cadeirado. Para a súa actividade vén utilizando, fundamentalmente, materia prima autóctona da zona.

O obxectivo da nova empresa que se asentará en Barro-Meis, a segunda despois de Caldeirarías e Estruturas do Noroeste-Caenor, que ocupa unha parcela duns 2.500 metros cadrados, é abastecer a demanda emerxente dos seus produtos no mercado galego e estatal, ademais de emprender un proceso de exportación a clientes da Unión Europea. Neste polígono industrial está previsto que se instale tamén unha planta de biomasa, por parte da empresa Montelimpo.

Por outra parte, a Deputación de Pontevedra aprobou este mércores a licitación pública da estación depuradora de augas residuais, por 1,2 millóns de euros. Instalarase nunha parcela de case 2.000 metros cadrados e substituirá a depuradora provisional actual.

A nova infraestrutura contará con instalacións auxiliares de desodorización, pozo e rede de recollida de baleirados, edificio de contro, recollida de pluviais e sistema de rego.

Deixar un comentario