Un condutor que circulaba pola estrada PO-226 que enlaza Porráns (Barro) con Moraña levou onte un bo susto cando
un teixugo irrompeu na calzada. O animal morreu tras ser atropelado e o condutor resultou ileso. O suceso ocorreu ás 8.25 horas á altura do núcleo da Barosela, na parroquia de San Salvador de Saiáns, en Moraña.
Segundo informou o servizo de urxencias de Galicia 112, o particular solicitou a presenza dunha patrulla da Garda Civil de Tráfico porque tras o impacto contra o teixugo o seu vehículo sufriu danos nun faro.
Este accidente non foi o único que se rexistrou onte na comarca. No municipio de Caldas, un coche envorcou ao seu paso polo número 4 do lugar de Calvelos, na parroquia de Saiar. Foi ás 15.03 horas na estrada N-640. A central de coordinación mobilizou á Garda Civil e a Protección Civil de Caldas. Tras o envorco a única ocupante do turismo resultou ferida leve e foi trasladada ao centro de saúde da localidade. Para retirar o Seat León foi necesaria a intervención dun guindastre.