O BNG reuníuse o pasado 15 de febreiro coa directiva da ANPA do colexio de Barro para intercambiar opinións e coñecer de primeira man a situación na que se atopa o centro educativo na actualidade.
O portavoz do BNG, Xosé Manuel Fernández Abraldes, lembroulle á directiva da ANPA que xa en xaneiro de 2009 presentou unha moción que foi aprobada polo Pleno da Corporación. Nesta urxíase á consellaría de Educación a facer a reforma integral do colexio, e ao goberno local do PP a acometer as obras de mantemento necesarias, mellorar a seguridade e accesibilidade do recinto, e adoptar as medidas urbanísticas que fosen precisas para ampliar o recinto escolar a un mínimo de 1000 m2.
“Pasados xa dous anos –dixo Abraldes- a consellaría pouco fixo, e o goberno municipal do PP non fixo nada”.
Pola súa banda, as membros da ANPA confirmaron que siguen a ser moitas as deficiencias que ten o colexio de Barro, entre as que citaron:
– As uralitas que cubren os patios presentan un aspecto lamentábel.
– As calexas de recollida da auga están picadas e as baixadas, cando existen, rotas.
– A escalinata de acceso ao recinto, así como as varandas que hai no mesmosupoñen un perigo para os nenos e nenas.
– A inexistencia de aseos a carón do comedor para que os nenos e nenas poidan usalos para o seu aseo.
– O recinto escolar é moi pequeno.
Para o portavoz do BNG e candidato á alcaldía ese desisterese do PP en solucionar estas e outras deficiencias que ten o colexio, pon de manifesto que pouco lles preocupa as condicións nas que os nenos e nenas de Barro se educan. “Vós –afirmou Abraldes- xa denunciarades en 2008 as graves deficiencias do colexio nun informe moi minucioso e documentado. Que tres anos despois as cousas sigan practicamente igual ilustra, de forma alarmante, a desidia e a incompetencia que manifestan tanto o goberno municipal como a Xunta de Galiza coa educación pública”.
Abraldes afirmou que para o BNG “a educación pública é un servizo básico e, como tal, prioritario” e comprometeuse coa ANPA a que se o BNG chega ao goberno municipal de Barro, a educación pública será un obxectivo prioritario da súa acción de goberno. “Faremos frente, con responsabilidade e rigor, á mellora das instalacións e equipamentos educativos, porque os nosos nenos e nenas, que son o futuro do concello, merecen unhas instalacións dignas para a súa formación”.
