Entidades veciñais esixen buses e trens de proximidade

O transporte colectivo será a partir de mañá un dos eixos permanentes de reivindicación do movemento veciñal de Pontevedra e a súa comarca. Representantes da federación Teucro anunciaron onte que reclamarán un servizo de buses eficaz e un servizo de trens de proximidade na o asemblea que vai ter lugar mañá no edificio de Novacaixagalicia.

A esta asemblea foron convocados colectivos de Pontevedra Marín, Poio, Vilaboa, Redondela, Barro, Cotobade, Ponte Caldelas e A Lama afectados por infraestruturas como o AVE, a A-57, a A-59, a circunvalación, a variante de Marín, o periférico de Poio, a estrada de Vilagarcía ou a de Sanxenxo.

Segundo explicaron directivos da entidade, a súa aposta en favor do transporte colectivo incluirá a demanda dunha estación intermodal, trens de proximidade e buses que conecten as parroquias e concellos veciños con Pontevedra. Estes servizos complementaríanse con aparcadoiros disuasorios preto das paradas de bus nas parroquias e tamén nas proximidades da cidade, servidos polo menos por dúas liñas de buses urbanos que fagan percorridos Norte-Sur e Este-Oeste por carrís especificamente reservados aos mesmos, aínda á conta de suprimir aparcadoiros.

O financiamento sería a mesma que a doutros sistemas de transporte metropolitano noutras cidades, aínda que se dá por feito que, polo menos inicialmente, o sistema xeraría un déficit que debería ser cuberto con cargo a fondos públicos das Administracións.

A asemblea de mañá reclamará así mesmo que se consulte aos veciños antes de trazar os grandes eixos de infraestruturas, segundo explicou Claudio Quintillán. José Luis Vidal Laíño criticou pola súa banda que o Concello non solicite o apoio dos veciños para asegurar a rolda.

 

Deixar un comentario