Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coñecida onte dá a razón ao Concello de Barro e á empresa Semarf na polémica urbanística xurdida no ano 2007 pola construción de 30 vivendas unifamiliares na parroquia da Portela.
No fallo estímanse os recursos de apelación interpostos polo Concello e Construcións e Contratas Semarf S.L. contra unha sentenza anterior ditada o 19 de outubro do 2009 polo Xulgado do Contencioso número 3 de Pontevedra.
Naquela resolución, que agora se revoga, aceptouse un recurso da Xunta do bipartito contra os acordos adoptados pola xunta de goberno local de Barro os días 4 de abril e 24 de maio do 2007. Neses acordos municipais concedíase a Semarf licenza municipal de parcelación das parcelas catastrais números 124, 125 e 126 do polígono 40 en trinta parcelas para a construción doutros tantos chalés.
Na sentenza que transcendeu onte alúdese a que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Barro, aprobado no 2003, contempla dentro de cada núcleo rural unha diferenciación entre chan de núcleo rural e área de expansión de núcleo rural, co correspondente grafiado diferenciado. Para o Tribunal Superior «non pode alcanzarse a anulación das referidas licenzas sen a anulación das previsións do instrumento de ordenación no que se apoian».