Industria estuda un anteproxecto para a instalación de Montelimpo en Barro-Meis

En materia de enerxías renovables, a Consellería de Industria, que dirixe Javier Guerra, tamén ten en marcha un concurso para outorgar plantas de biomasa en Galicia, unha iniciativa á que aspiraba a empresa Ence cun proxecto na súa fábrica de Lourizán.
Aínda que esta solicitude foi inicialmente aceptada pola Xunta de Galicia, a decisión foi interpretada en Pontevedra como un intento de consolidar ese complexo industrial ao bordo da ría e Industria acabou desestimando a solicitude de Ence. Para iso, aceptou un recurso formulado polo voceiro municipal do Partido Popular, Telmo Martín que alegaba que os terreos elixidos para esa planta de biomasa “son incompatibles coa normativa territorial e urbanística”.
Desestimada por completo a opción de Ence, a consellería acaba de elixir un proxecto alternativo, doutra empresa e noutra situación. Trátase dunha solicitude suplente formulada no seu día por Montelimpo SA para o polígono industrial de Barro-Meis.
A resolución na que se fai oficial esta substitución, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado venres, detalla que eran cinco as “solicitudes máis adecuadas para obter a potencia” retirada a Ence e que é de 10 megavatios.
Ademais da de Barro-Meis, figuraba outra de Montelimpo en Salvaterra-As Neves, unha de Gestamp en Cotobade, outra máis de Renova tamén en Salvaterra e unha última de Norvento en ponte Caldelas.

Menor puntuación
A resolución da Administración autonónica explica que esta última “obtivo a máxima puntuación (6,35 puntos) ” pero non se admite como substituta porque “o estudo de compabilidade de concorrencia entre estas solicitudes indica que a de Barro-Meis (con 4,75 puntos) é a que garda máis distancia respecto á solicitude, xa concedida, de Enerxías Renovables en Forcarei,”.
“Así mesmo, engade, a proposta da Dirección Xeral de Montes de la Consellería de Medio Rural sinala que o anteproxecto dunha planta de biomasa en Barro-Meis, titularidade de Montelimpo SA conta cunha potencia de dez megavatios, coincidente coa proposta do anteproxecto de Ence, xa excluído, mentres que o de Norvento en ponte Caldelas alcanza unha potencia unicamente de cinco megavatios,”.
Por iso, óptase finalmente pola opción do polígono industrial de Barro-Meis xa que “debe prevalecer o criterio de compatibilidade-concorrencia fronte ao de máxima puntuación por considerar que o abastecemento continuado de materia prima constitúe un fito crítico na viabilidade dunha central de biomasa”.

Deixar un comentario