A planta de biomasa que ía instalar Ence en Lourizán será finalmente para
Montelimpo e instalarase no polígono de Barro-Meis construído pola Deputación. Así o indica unha resolución publicada onte pola Xunta que aínda pode ser obxecto de recursos.
A selección inicial de proxectos, que data do pasado mes de abril, incluíu unha solicitude do Grupo Empresarial Ence para situar unha planta de 10 megawatts no complexo industrial de Lourizán. Tras unha intensa polémica local, baseada en que a planta consolidaba Ence na súa actual localización, a pesar de estar prevista a súa saída para o 2018, a decisión da Xunta foi recorrida polo portavoz do PP, Telmo Martín, quen alegou que os terreos previstos eran incompatibles urbanisticamente coa normativa territorial. Este recurso foi estimado o pasado mes de agosto.
Ao optar pola planta de Barro-Meis, a Xunta asegura ter en conta factores de potencia e xeográficos para relegar outras que tiñan maior puntuación na lista de suplentes. En canto a potencia, destaca que o proxecto situado no polígono da Deputación terá dez megawatts, do mesmo xeito que o de Ence ao que substitúe. En canto ao factor xeográfico, un «fito crítico» en orde ao abastecemento de materia prima, sinala que é o que garda máis distancia respecto da solicitude xa concedida de Enerxías Renovables de Galicia, situada en Forcarei.
Segundo a lista de suplentes de Medio Rural, a solicitude de Gestamp Biomasa Galicia para localizar en Cotobade tiña 5,75 puntos, a de Montelimpo para Barro-Meis 4,75, a de Renova para Salvaterra 5,25, a de Montelimpo para Salvaterra-As Neves 5,25, e a de Norvento Biomasa para Ponte Caldelas 6,25. As tres primeiras eran de dez megawatts e as dúas últimas de cinco.