O BNG critica as pésimas condicións nas que se atopa o campo de fútbol municipal de Barro

Abraldes considera que a actividade deportiva nunca foi prioridade para o goberno do PP

O campo de fútbol municipal de Barro, situado no lugar do Outeiro, está nunhas pésimas condicións dende hai moitos anos. Ademais de ser un campo de terra, tanto o terreo de xogo como as instalacións (vestiarios, etc.) están en moi malas condicións. Moitas veces teñen que compartir dous equipos un mesmo vestiario, e algúns días non hai nin auga quente.

Ademais, non existe ningún espazo adecentado onde os espectadores poidan ver os partidos nunhas condicións mínimas, e cando chove todo está embarrado, tanto o campo de fútbol como os arredores onde se sitúan os espectadores.

O campo de fútbol é usado polos equipos da escola municipal de fútbol para entrenar e xogar. Os pais e nais dos nenos coinciden en que é o pior campo no que teñen que competir, e moitos síntense avergoñados de recibir aos equipos visitantes en tan pésimo recinto.

A Deputación de Pontevedra leva a cabo un programa para dotar os campos de fútbol municipais de herba sintética e mellorar as súas instalacións, ao que se sumaron xa a maioría dos concellos da provincia.

O BNG presentou en setembro de 2008 unha moción para que o concello se integrase no programa da Deputación para dotar de herba sintética ao campo de fútbol municipal, de xeito que os nenos e nenas e os demais equipos do concello poidan practicar o fútbol nas mellores condicións.

Pasaron máis de dous anos e non se fixo nada. Vese que o PP de Barro non ten interese en que o concello conte cunhas instalacións dignas para a práctica do deporte.

É pouco explicábel que concellos máis pequenos que o noso, e en teoría con menos orzamento, teñan uns campos reformados e con boas instalacións, o que confirma o desinterese do goberno municipal de Barro en ter uns equipamentos axeitados para uso e disfrute dos nosos veciños e veciñas.

 

 

Deixar un comentario