Catro persoas resultaron onte feridas nun accidente de tráfico que tivo lugar
no municipio de Barro. Segundo informou o 112, o sinistro rexistrouse ás 8.35 horas na estrada que une Pontevedra con Vilagarcía, a PO-531, á altura da ITV de Curro .
A colisión entre dous turismos deixou catro lesionados, aínda que un deles, un home de 72 anos e iniciais L.D.G, non foi trasladado polo 061. Urxencias Sanitarias si evacuou en dúas ambulancias a unha muller de 35 anos e iniciais R.I.M., e a dous menores. Os tres foron atendidos de varias contusións no hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, onde recibiron a alta horas despois, segundo informou un portavoz.