Presentación da candidatura do BNG de Barro

Xa pasaron 32 anos dende que se elexiron as primeiras corporacións democráticas, dos que o PP leva 28 gobernando o Concello de Barro.

Despois de tres décadas o mundo cambiou moito, a nosa sociedade mudou e ten unhas necesidades moi diferentes ás daqueles tempos, pero o goberno municipal do PP non cambiou ao ritmo que demanda a sociedade, e siguen actuando co mesmo esquema mental que daquela. Hai unha incapacidade total para prever as necesidades da planificación urbanística, as necesidades de equipamentos, de servizos ou de dinamización da actividade social para os nosos veciños e veciñas:

–          Hai desisterese por solucionar os problemas da xente. É xa de todos coñecida a resposta do alcalde a calquera veciño que vaia solicitar algo: non hai cartos. Pero non de agora, senón dende fai 20 anos, polo que non é debido á crise actual, senón á incapacidade para xestionar un  concello do século XXI.

–          Sempre se vai por detrás das necesidades de equipamento de todo o tipo, buscando, cando non queda máis remedio, solucións improvisadas, parciais, e moitas veces ficticias. Vexamos algúns exemplos dos máis recentes:

  • Cando xa estaban rematados os primeiros edificios da rúa das Baladas, os pisos estiveron moitos meses sen poder entregarse aos seus compradores, xa que o Concello non tiña previsto o saneamento para o desenvolvemento urbanístico do San Antoniño.
  • Canto xa tiña que estar rematado o polígono industrial de Curro, atopáronse que non tiña previsto a dotación de auga potábel, e nin agora saben como van solucionar o saneamento.

–          A mala planificación do desenvolvemento urbanístico lévanos a ter un núcleo do San Antoniño con graves problemas de ordenación de tráfico, cando apenas se empezou a construír, ou non ter previsto no planeamento que o colexio público necesita terreos para ampliar as súas instalacións.

Esa falta de capacidade de xestión, a deixadez, a falta de previsión, a chapuza, transmiten un total esgotamento do goberno do PP, que é incapaz de gobernar o concello.

O Concello de Barro precisa un cambio profundo de liderado, pois non é lóxico que estando situado estratexicamente hoxe non cheguemos nin aos 4000 habitantes, cando hai 20 anos andabamos polos 5000.

Ese cambio pasa por un novo goberno municipal para o que o BNG está preparado.

O BNG ten demostrado ao longo destes anos na oposición a capacidade para analizar as necesidades do noso concello e facer propostas en positivo para avanzar na mellora das condicións de vida dos nosos veciños e veciñas.

Presentamos un equipo de persoas ilusión e con contrastada capacidade de traballo. Un equipo de homes e mulleres con capacidade de diálogo e de saber escoitar aos nosos veciños e veciñas, unha actitude que constrasta co estilo faltón e crispado do actual alcalde.

Faremos unha campaña de transmitir e escoitar, moi conectada coas necesidades da xente.

Son moitas as persoas de Barro que pensan que é necesario ese cambio. O BNG está preparado para asumir ese reto. Agardamos contar co respaldo da maioría social para abrir unha nova e ilusionante etapa para que o noso concello teña futuro.

O primeiro treito da candidatura de Barro está conformada por:

  1. XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ ABRALDES. Portavoz Municipal.
  2. ROBERTO RIVAS REBOREDO. Concelleiro
  3. MARÍA XESÚS CASTRO CALVIÑO. Concelleira
  4. ANTONIO GIRÁLDEZ OUTEDA. Secretario da Xunta de Montes de Curro.
  5. AMELIA CANCELA CANCELA. Exdirectiva da Asociación da Banda Xuvenil de Barro. Veciña da Portela
  6. JESÚS ROMAY MÉNDEZ. Veciño de Agudelo.
  7. XOSÉ LUÍS BARCALA BARCALA. Veciño da parroquia de Barro

Deixar un comentario