Trasladan á prisión da Lama ao agresor de Barro

Venancio Vázquez, o preso que gozando dun permiso penal supostamente agrediu a unha sexagenaria en Barro, foi trasladado ao centro penal da Lama, a pesar de que aínda non declarou ante o xuíz de Caldas. Fontes da Garda Civil precisaron que, dado que gozaba dun permiso, o protocolo establece o seu retorno ao centro penal mentres non se produce a comparecencia xudicial. Deste xeito, esperarase a que o xuíz que instrúe a causa xudicial decrete a súa posta a disposición xudicial.

Mentres isto non se produza, esta previsto que Venancio Vázquez continúe recuperándose das súas lesións na enfermería do penal pontevedrés.

A que paulatinamente parece recuperarse das súas lesións é a vítima da agresión do pasado xoves. Ao peche desta edición, e dada a evolución favorable que mostraba esta veciña de Barro de 69 anos, os facultativos que atenden a María del Carmen Calvo Güimil no Hospital Xeral de Vigo barallaban xa o seu traslado a planta.

 

Posibles cargos

En canto aos cargos penais aos que se podería enfrontar Venancio Vázquez, estes dependerán en gran medida da versión que ofreza María do Carmo Calvo ante o xuíz. En principio, a Garda Civil imputoulle unhas posibles lesións e atentado, tendo en conta que, ademais desta muller, outras dúas resultaron con lesións, así como os integrantes dunha patrulla do Seprona, quen se tiveron que coller unha baixa.

Neste sentido, hai quen sinalou onte a posibilidade de que a Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra puidese chegar a imputarlle ao sospeitoso un intento de homicidio, un extremo que é cualificado como unha mera hipótese mentres non se interrogue a uns e outros.

Polo momento, estas fontes recordaron que, por mor da agresión a María del Carmen, tamén foi arrestado Avelino, irmán de Venancio Vázquez. Este mozo de 26 anos quedou en liberdade con cargos tras prestar declaración ante o xuíz.

Sospéitase en medios policiais que ambos os irmáns gozaron o xoves pasado dunha xornada de copas ata que se atoparon coa vítima no lugar de Lourido, na parroquia de Pedercanai.

 

Deixar un comentario