Unha veciña do municipio de Barro de 69 anos, María del Carmen Calvo Güimil, permanecía onte en estado crítico na
uci do hospital Xeral-Cíes, de Vigo, como consecuencia dunha agresión sufrida o xoves pola tarde. Venancio e Avelino Vázquez Torres, dous irmáns naturais do concello de Cuntis, foron detidos pola Garda Civil como supostos autores dos delitos de lesións graves e atentado a axentes da autoridade. Outras dúas mulleres que acudiron en auxilio da vítima sufriron feridas leves.
Un portavoz do Xeral-Cíes indicou ao peche desta edición que a paciente está en coma, aínda que estable desde o seu ingreso o xoves. O 061 precisou que a vítima foi evacuada a Montecelo e, dada a gravidade das lesións, derivada a Vigo.
Os feitos non están moi claros, pero ocorreron sobre as 18.30 horas no lugar de Lourido, na parroquia de Perdecanai. Segundo fontes consultadas por La Voz, os irmáns comeron nun restaurante de Barro e despois seguiron de copas. Horas despois, dúas veciñas de Barro atopáronse á vítima, María del Carmen Calvo Güimil, tendida no chan en metade dun camiño. Ao parecer, fora a buscar un burro a unha leira.
A ferida estaba morada e presentaba sinais de uñas, o que fixo pensar ás persoas que a auxiliaron que sufrira unha agresión. Enseguida deuse aviso ao 061 e á Garda Civil, desprazándose ao lugar unha patrulla do Seprona de Caldas.
A varios metros da vítima estaba o presunto agresor, tamén tombado. O home deu supostamente un cabezazo a unha das mulleres, mentres que á outra lle estampou un bloque contra o coche. Venancio Vázquez Torres, de 32 anos, gozaba dun permiso carcelario. A patrulla, en colaboración con outra do posto de Cambados, procederon á detención dos irmáns. Tanto Venancio, como Avelino, de 26 anos, resistíronse e chegaron a agredir aos axentes, que están de baixa, segundo informou onte a Comandancia.
Venancio foi trasladado ao hospital Provincial de Pontevedra, onde permanece custodiado no módulo de seguridade.