A Garda Civil detén en Barro dous mozos que deixaron en estado crítico a unha anciá

A Garda Civil informou este venres da detención en Barro de dous mozos como presuntos autores dun delito de lesións graves e outro de atentado axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.

Así, segundo explicou o Corpo, os axentes detiveron este xoves a V.V.T., de 32 anos e con domicilio en Cuntis; e ao seu irmán, de 26 e con domicilio en Asturias; como presuntos autores dun delito de lesións a tres persoas e outro de atentado á autoridade.

En concreto, os feitos aconteceron sobre as 18.30 horas do xoves en Barro cando, por causas que aínda se descoñecen, os detidos produciron lesións graves a unha veciña da localidade e outras dúas máis que acudiron no seu auxilio.

Ao lugar do suceso desprazáronse entón unha patrulla do Seprona e axentes do Posto de Cambados, que procederon á detención dos dous irmáns, ao que en principio se resistiron “chegando a agredir os compoñentes do Seprona”, que se encontran de baixa polas lesións.

Tras a detención, V.V.T., que gozaba dun permiso carcerario, foi trasladado ao Hospital Provincial de Pontevedra, onde se encontra custodiado no módulo de seguridade ata a súa alta médica, cando será posto a disposición xudicial. Pola súa banda, o outro detido permanece nos calabozos.

En canto ás vítimas da agresión, unha delas está ingresada no hospital Xeral de Vigo e presenta un prognóstico crítico, mentres que as outras dúas teñen feridas leves.

Deixar un comentario