Novos cortes de tráfico comezaron a producirse por mor das obras do supernudo de Curro . Segundo anunciou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, os cortes efectuaranse en horario nocturno desde as 23 ata as 7 horas e está previsto que se realicen ata o vindeiro venres, día 14.
Estas interrupcións están motivadas polos traballos de demolición da actual estrutura da estrada PO-531 Pontevedra-Vilagarcía. Ante o perigo de que poidan caer cascotes á vía, os técnicos optaron por apostar polos cortes para atallar o perigo.
Os desvíos realizaranse, segundo a mesma fonte, a través do carril de saída da o autovía Curro -A Lanzada (AG 4.1) en dirección á AP-9 a través da ligazón de Mosteiro.
A Xunta mantén o calendario para rematar o supernudo de Curro e non prevé atrasos no que será a maior ligazón viaria do norte da provincia, segundo sinalou recentemente Medio Ambiente. De acordo cos prazos marcados polo Goberno autonómico, a obra ten que estar lista no 2012.