Péchase a sección segunda do IV Certame de Bandas coa vitoria da Banda de Música Xuvenil de Barro.

A xornada do sábado desenvolvíase coa eficiencia e normalidade requiridas para que o público puidese seguir gozando das interpretacións das bandas nacionais. Dende as cinco e media da tarde xa se respiraba a tensión das primeiras na “Sala Mozart” de ensaios. Esta era a quenda das formacións entre 46 e 60 compoñentes, que integraban a sección segunda, e cinco eran as bandas participantes da categoría: as Bandas de Música Xuvenís de Torroso e Barro, a Agrupación Musical de Goián, a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia e a Banda de Música Popular de Rubiós.

Desta volta, a obra obrigada era “Pórtico”, de Antón Alcalde, galardoado por segundo ano consecutivo no Certame de Composición e destacando así como un novo grande valor desta disciplina á temperá idade de 18 anos. Entre as obras libres podíamos atopar  “Tres imaxes de Mudga” de David Fiúza, coa que os de Rubiós obtiveron o premio á obra de autoría ou temática galega, e tamén pezas de grandes autores contemporáneos como Alfred Reed ou Johan de Meij.
A desfavorable climatoloxía que marcou a tónica da fin de semana non impediu que a sala “Ánxel Brage” do Auditorio de Galicia rexistrase unha notable cantidade de asistentes. Deste xeito, a capital compostelá demostra unha vez máis estar á vangarda do fomento da cultura galega.

Ao final da tarde e tras unha intensa deliberación o xurado proclamou como gañadora á Banda de Música Xuvenil de Barro, que alcanzou un total de 331 puntos. Torroso, con 279 puntos, e Ribadumia, con 253, proclamáronse segundos e terceiros respectivamente. O galardón ao cuarto posto foi outorgado á agrupación musical de Goián.

Para a tarde do domingo 21 agárdase a xornada máis multitudinaria coas actuacións das seccións primeira e especial, e a clausura coa entrega de galardóns aos premiados das tres xornadas.

 

Deixar un comentario