O roubo dunha tubaxe provoca unha grave vertedura en Barro

Unha vertedura de fuel procedente dunha tubaxe dunha antiga nave de aglomerado do municipio pontevedrés de Barro obrigou onte pola tarde a mobilizar ao grupo loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (Axega). O 112 tivo coñecemento do suceso ás 13.37 horas e coordinou a intervención coa Garda Civil de Caldas de Reis e a Consellería de Medio Ambiente.

Ao parecer, o que motivou a participación dunha unidade do grupo loxístico con base na Estrada non foi a cantidade de combustible derramado, senón o feito de que a sustancia se puidese diluír e filtrar ao chan debido ás intensas choivas caídas onte.

A fuga de fuel procedía dunha tubaxe á que lle falta un anaco. Onte descoñecíanse os motivos do roubo, aínda que non se descarta a sabotaxe, xa que esta antiga nave de aglomerado asfáltico da empresa Aglonor (Aglomerados do Noroeste) está sen actividade e pendente dun concurso de acredores. Aglonor foi unha das empresas escindidas no ano 1996 da construtora José Malvar.

Cando os técnicos de Axega chegaron ao lugar de Montesequeiros, na parroquia de Curro , para proceder a controlar a vertedura xa estaban no lugar axentes da Garda Civil e voluntarios da agrupación de Protección Civil de Barro.

O combustible procedente da tubaxe foi a parar a unha superficie impermeable ao aire libre de formigón e terra. O responsable do grupo loxístico, José Antonio Argibay, explicou onte que o fuel era bastante sólido, sendo o máximo espesor de entre 5 e 7 centímetros. No entanto, para evitar a filtración cara a terreos vexetais ou ata, polo efecto das precipitacións, á estrada PO-531, que enlaza Pontevedra con Vilagarcía, decidiuse conter a fuga.

Balsa de contención

Para taponar a saída do chapapote despregouse unha balsa de contención realizada nun material especial. A vertedura de fuel quedou así perfectamente estancado e tamén se procedeu a selar a tubaxe, orixe do problema.

José Antonio Argibay, responsable do grupo loxístico, comentou así mesmo que a mancha de combustible, xa controlada polos técnicos, ocupa unha superficie duns 200 metros cadrados.

http://www.canalriasbaixas.com/content/view/9623/68/

Deixar un comentario