Veciños da parroquia de Curro , no municipio de Barro, reuníronse onte á noite no Centro Social da Comunidade de Montes para estudar unha reclamación conxunta ante Unión Fenosa-Gas Natural. Desde o pasado venres, 22 de outubro, instalacións eléctricas e electrodomésticos sufriron danos como consecuencia duns traballos que operarios da empresa subministradora realizan nun transformador situado preto das obras do nó pequeno de Curro , no lugar de Fonte de Curro .
Iso é polo menos o que sosteñen os afectados tras consultar cun electricista. O presidente dos comuneiros, Miguel Ánguel Maquieira, explicou onte que a decisión de celebrar a reunión xurdiu ante as queixas de varios veciños.
Os danos afectan a instalacións eléctricas de vivendas particulares e de negocios de hostalería da zona e a electrodomésticos como televisores, sintonizadores de televisión dixital e ordenadores. O Centro Social da Comunidade de Montes de Curro non se librou dos danos, que comprenderon a alarma, a iluminación e todo o sistema de acceso ás instalacións.
Como anécdota, o presidente dos comuneiros relatou que o sábado varias persoas quedaron encerradas dentro do recinto ao non poder abrir as portas, xa que a súa apertura está totalmente automatizada. Tamén afectou ao abastecemento de auga das instalacións, dado que é necesario o bombeo a través dun sistema de bombas sumergibles.
Incendio nunha lavadora
Unha das persoas que onte asistiu á reunión foi José Sanmartín. Este veciño de Fonte de Curro xa tivera problemas co teléfono e un amplificador da televisión, pero onte levou un bo susto. Pasadas as dez da mañá saíu da súa casa, situada no número 76, tras pór a lavadora. Dúas horas despois un veciño que vive en fronte foino a buscar porque estaba a arder a cociña da súa casa. José Sanmartín puido apagar o incendio porque tiña un extintor da súa empresa. «Ten que ser dás obras que están facendo. Puxen a lavadora e ardeu soa. Hai moitos casos», comentou onte. «Só se queimou a lavadora, aínda que se afumou toda a casa e queda agora un traballo de limpeza espectacular», sinalou. Ata a vivenda tamén se desprazou Protección Civil de Barro e unha patrulla da Guardiar Civil alertados polo 112.