Os cortes de tráfico que levan a cabo nos últimos días na estrada que une Vilagarcía con Pontevedra, onde se está construíndo o nó de Curro , confunden aos condutores que son desviados por viarios provisionais e sen sinalizar, o que provocou que nos últimos días fosen moitos os vehículos que acabasen perdidos nos montes de Meis.
A Consellería de Medio Ambiente iniciou hai unhas semanas as obras do nó pequeno de Curro , unha rotonda provisional como paso previo á futura ligazón que comunicará a autovía do Salnés (AG-41), a futura autovía a Vilagarcía (AG-47) e a estrada Pontevedra-Vilagarcía (PO-531). Como se anunciou desde a propia Xunta, para poder levar a cabo os traballos sen pór en perigo a seguridade dos condutores, foi necesario restrinxir o tráfico na calzada dereita da autovía do Salnés, nun tramo de algo máis dun quilómetro. Ademais, cortouse un anaco da estrada Pontevedra-Vilagarcía, o que vai desde a nova rotonda ao antigo cruzamento que leva ao Mosteiro. Para que poidan pasar os vehículos construíuse un viario alternativo e provisional.
O principal problema, segundo denunciaron os condutores que onte acabaron perdidos polos viarios da comarca, é que nin os desvíos nin as direccións están ben sinalizadas, e os coches que teñen que circular obrigatoriamente polo viario provisional despois tratan de volver á estrada xeral e non sempre o conseguen.