O edificio da biblioteca municipal de Barro albergará este fin de semana a primeira Feira do Humor organizada pola Asociación de
Nais e Pais de Alumnos (ANPA) Amor Ruibal e a empresa Miro Magariños S.???L.
A iniciativa leva por título Facemos Barro coas orellas… e ten unha duración de tres días. Serán tres noites agradables de risa e reflexión. A sesión do venres, 30 de xullo, correrá a cargo de Suso Cortegoso, con Apocalipsisisss. Será ás 22.30 horas e está recomendada para maiores.
Tamén para un público adulto está pensada Mulleres, de Miro Magariños. Será o sábado, á mesma hora, na biblioteca. A última sesión corresponde a Paula Carballeira, que ofrecerá un contacontos para un público infantil e familiar. Neste caso o horario adiántase ás 20.30.
A secretaria da ANPA Amor Ruibal, Jacqueline Seijo, comentou onte que ao finalizar cada sesión ofrecerase aos asistentes uns petiscos e algo de beber. A entrada á Feira do Humor é libre, aínda que os participantes que queiran poden contribuír a sufragar os gastos cun donativo.