A proposta de facer partir de Pontevedra o AVE a Ourense segue sen ter aínda reflexo oficial nos documentos de Fomento. Os pregos técnicos para redactar os proxectos da futura liña de alta velocidade refugan por agora un trazado directo Ourense-Pontevedra e manteñen o rodeo por Barro que condena a Porráns.
Os veciños afectados polo elevado impacto da liña de alta velocidade na zona obtiveron a comezos de mes o compromiso de Fomento de estudar un trazado directo a Pontevedra. Tamén optaron por suspender ata setembro as súas mobilizacións á espera de que o ministerio acepte un cambio de trazado.
No entanto, os papeis oficiais seguen reflectindo o trazado da liña tal como expúxose no estudo informativo. Os pregos técnicos e administrativos elaborados para redactar o proxecto básico da futura liña indican que o obxectivo é conectar a liña Ourense-Santiago co Eixo Atlántico «no termo municipal de Barro ».
Esta afirmación resulta aínda máis contundente se se ten en conta que, no que incumbe á veciña provincia, os pregos son moito máis flexibles ao falar da conexión coa liña Ourense-Santiago e din que se producirá «na contorna» do termo municipal do Carballiño.
Os documentos fixan ata a distancia que terá a futura liña entre Cerdedo e Barro , estimada en 25,4 quilómetros. En calquera caso, Fomento está aínda a tempo de cambiar o trazado, segundo sinalaron os técnicos de UXT que promoven a liña directa a Pontevedra.
O optimismo de UXT baséase en que un cambio similar xa foi efectuado no propio Eixo Atlántico de Alta Velocidade para soterrar a liña á entrada de Vigo cando estaba en fase de proxecto. Ademais, sinálase que a súa proposta non precisaría outra declaración de impacto ambiental xa que, ao ir baixo terra, o que fai é diminuír as afeccións que causa a liña. A este respecto cítase a exclusión dunha nova declaración en varios tramos do tramo Ourense-Lubián que agora irán en túnel.