O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Barro , o popular José Antonio Landín, asinaron onte en Santiago o convenio que permitirá mellorar a contorna do río Barosa.
En virtude dese acordo, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh) investirá 754.000 euros nesta actuación. O importe divídese en dúas anualidades: 300.000 euros este ano e 454.000 euros no 2011. O proxecto inicial remóntase ao 2004 e foi paralizado polo bipartito, o que provocou un enfrontamento co equipo de goberno. O novo deseño de Augas de Galicia corrixe o elaborado polo Concello hai seis anos e incorpora algunhas das alegacións formuladas por veciños e o BNG.
O obxectivo das obras é recuperar as marxes e a contorna do río para o seu uso recreativo e educativo por veciños e visitantes, ao tratarse do espazo natural máis turístico de Barro . Segundo a consellería, cos traballos tamén se conseguirá unha mellora ambiental que permitirá previr posibles inundacións.
Tres zonas
As obras consistirán na posta a punto e o acondicionamento do parque de Barosa, dotándoo de tres novos espazos: unha zona axardinada, unha área de aparcadoiro para autobuses e vehículos lixeiros e outra zona de servizos municipais. O proxecto comprende a construción dunha nova ponte de 32,8 metros de lonxitude, con dous carrís de 2,5 metros de ancho cada un e beirarrúas de 1,8 metros.