O BNG-Barro explícalle aos veciños e veciñas a brutal suba de impostos que pretende o Partido Popular coa nova Lei de Augas

O Consello da Xunta aprobou o pasado 27 de maio o proxecto da nova Lei de Augas, que neste momento está a debatirse no Parlamento galego, co que o PP pretende unha suba de impostos brutal, desproporcionada e inxusta.

Este proxecto de lei ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadatoria da Xunta de Galiza, incrementando de forma exponencial a presión fiscal sobre o uso e consumo de auga, facendo recaer esta suba, fundamentalmente, nos consumos domésticos e asimilábeis (comercio, hostelería, pequenas empresas,…). A nova  lei propón  substituir o actual canon de saneamento (en vigor dende o ano 1993) por dous novos impostos indirectos: o canon da auga e o coeficiente de vertido.

Ao contrario  do que di a propaganda do PP e o  Conselleiro de Medio Ambiemte Territorio e Infraestruturas, non se trata dun imposto progresivo que incentive o consumo responsábel: todos os usuarios domésticos, cun consumo dentro da media de Galiza, van estar dentro dos tramos máis altos do novo imposto. Isto vai supoñer unha suba do canon para para estes usos domésticos de ata un 360%, e vai afectar especialmente á poboación residente no rural.

Todos os usuarios de auga van ter que pagar estes novos impostos, xa que se suprimen as exencións que actualmente están vixentes, que beneficiaban ao medio rural: No novo canon da auga  non se exclúe de pagar o imposto a ningún núcleo rural, nin os de menos de 2000 habitantes exentos do canon de saneamento na actualidade, nin tan sequera os de 500 habitantes que excluía a lei de 1993. Tampouco se exclúen do pago do imposto os núcleos rurais que non teñan rede de saneamento, mentres este non entre en funcionamento, que tamén se excluían do canon de saneamento.

O canon da auga gravará por igual o consumo ou utilización da auga procedente de captacións propias (traídas veciñais ou pozos) e a procedente de sistemas públicos de abastecemento. Só no caso de que os usuarios non dispoñan nin de abastacemento público nin de rede de saneamento pública poderán aplicar unha redución da cota do 80% (na actualidade non tiñan que pagar nada), sendo importante facer notar que se teñen que dar as dúas condicóns simultaneamente para poder ter a redución.

Os titulares das captacións propias estarán obrigados a instalar contadores homologados, de non facelo no prazo de seis meses o canon da auga liquidaraselle polo método de estimación obxectiva (en función da concesión de auga que se teña ou do consumo medio dunha vivenda) e poderán ser sancionados con multas de ata 30.000€. Os titulares das concesións colectivas son responsabeis solidarios do pago do canon por parte dos usuarios.

Como se pode deducir de todo o exposto, esta nova Lei de augas afecta moi gravemente ás economías familiares  e o seu único obxectivo é o recadatorio. Por iso, o BNG está a realizar charlas informativas nas distintas parroquias de Barro para dar a coñecer a afectación da nova Lei de augas e recoller sinaturas para que Xunta retire este proxecto de Lei lesivo para todos os veciños e veciñas do Concello.

CHARLAS INFORMATIVAS SOBRE A NOVA LEI DE AUGAS ESPECIAL IMPOSTO NOVA LEIDE AUGAS
AGUDELO Mércores 23 ás 21:30 h. local da A.C. Barosa
A PORTELA Xoves 24 ás 21:30 h. no local da A.C Barosa
PERDECANAI Domingo 27 ás 11:30 h. Local parroquial da Gándara
BARRO Domingo 27 ás 21 h. Escola de Cangrallo
CURRO Mércores 30 ás 21:30 h. Casa do Monte

Deixar un comentario