Un tren artesanal movido por tracción pedestre para reclamar un novo
trazado do AVE Ourense-Vigo por Barro . Así foi a posta en escena que máis de trescentas persoas protagonizaron onte pola tarde na N-550 ao seu paso por este municipio pontevedrés.
A cifra, aínda que importante, sementou algo de pesimismo no seo de Salvemos Barro . En todo caso, asumiron que, dadas as datas que son, houbo moitas persoas que tiña compromisos de toda índole, polo que, «así é todo, viño moita xente», sinalou Jacqueline Seijo, portavoz do colectivo convocante, ao termo da protesta.
Ao longo de algo máis de dous quilómetros, distancia que aproximadamente separa o lugar de Constenla da praza do Concello, os manifestantes deixaron claro que esixen o soterramento do ferrocarril, unha medida que, segundo José Gago Blanco , levaría un abaratamento dos custos e posibilitaría que o AVE alcanzase velocidades máis elevadas a que se o fixese por superficie. Ademais, desde a plataforma Salvemos Barro fíxose fincapé en que o deseño actual do itinerario do ferrocarril ten un custo ambiental demasiado caro e, ata, inasumible: «Isto é un estropicio e iso que \ alternativas», sostivo Gago Blanco .
Proposta de UXT
En concreto, a alternativa á que se refiren é unha proposta do sindicato UXT
que, entre outras cuestións, expón que a conexión co eixo atlántico (Vigo-Santiago) leva a cabo ao norte da cidade de Pontevedra. A este respecto, os afectados polo AVE Ourense-Vigo manteñen que o impacto ambiental da infraestrutura modificada sería «case nulo».
A este respecto, incidiron en que, ao ser un tramo que discorrerá soterrado desde a liña do eixo atlántico e que desembocará no mesmo punto no que xa está previsto no proxecto que se pretende executar, non se requirirá elaborar un informe ou declaración de impacto ambiental, co que non se tería que producir ningunha demora ou atraso nos traballos.
Neste punto, Jacqueline Seijo incidiu en que a proposta de UXT «foi feita polos propios inxeñeiros de ADIF, que é quen executa a obra», á vez que recordou que se mantiveron distintas entrevistas con políticos: «Non houbo nin un só partido que nos dixera que non á alternativa». Con estes antecedentes, Salvemos Barro pediu aos responsables últimos da execución desta obra que «recapaciten», tendo en conta que, de non facerse así, por este municipio pontevedrés discorrerán «tres trazados de vías ferroviarias de alta velocidade».