A plataforma veciñal “Salvemos Porráns” xa ten en marcha unha manifestación pola estrada nacional 550 para
expresar o seu rexeitamento ao trazado elixido polo Ministerio de Fomento para a AVE entre Ourense e Vigo polo concello de Barro. Esta marcha, a pé e con tractores, está prevista para o próximo domingo 30 de maio, segundo informou onte a voceira do colectivo, Jacqueline Seijo.
Esta plataforma celebrou onte unha nova asemblea, na biblioteca municipal, co fin de ultimar os detalles desta mobilización, así como de conseguir o maior número de apoios posibles. Así, informouse os asistentes dos efectos do trazado ferroviario no municipio e das razóns por que se puxo en marcha este grupo veciñal.
A de onte era a terceira das reunións que se pon en marcha desde que naceu o colectivo, o pasado mes de marzo. Desde entón a súa directiva, encabezada por Jacqueline Seijo, mantivo reunións con diversos grupos políticos, así como co delegado do Goberno, Antón Louro, ante o que reclamaron a súa mediación para trasladar a Fomento as súas demandas. Así mesmo, tamén se colocaron cruces e carteis de protesta polas estradas que atravesan as zonas en que está previsto que transcorrerá o itinerario ferroviario.
A manifestación do próximo día 30 comezará ás 18.00 horas no lugar de Constela e finalizará 2,8 quilómetros despois pola N-550, en San Antoniño.