A plataforma veciñal de afectados polo AVE Ourense-Vigo, ao seu paso por Porráns-Barro , colocaron onte os
primeiros sinais de protesta contra o trazado.
Os veciños instalaron n os lugares máis concorridos do municipio (o centro de saúde, Caixanova, bares e igrexas) un plano e unha listaxe dos prexuízos que supoñen as novas vías ferroviarias: o illamento da parroquia de Porráns, terreos edificables que deixarán de selo, depósitos de auga e mananciais que se verán afectados e formación de trincheiras.
A plataforma ten previsto entrevistarse hoxe, luns, ás 10 da mañá, con Ana Pastor e María Ramallo na sede Provincial do PP. E ten programada unha asemblea xeral para o vindeiro domingo na que informarán amplamente sobre o resultado desta entrevista e outras que están a ter co subdelegado do Goberno e deputados do PSOE e BNG. Ademais para o día 30 teñen prevista unha marcha de protesta desde Constela ata a Praza do Concello de barro, en San Antoniño.
A Plataforma segue cuestionando que se proxecte a conexión co Eixo Atlántico ferroviario en Barro , no canto de levar o trazado en dirección sur para entroncar en Pontevedra.