Logo de dez anos de trámites, o AVE que debe dar saída ás Rías Baixas cara a Ourense e Madrid segue envolvido en disputas sobre o seu trazado. Fomento deberá explicar agora por que optou por dar un rodeo por Barro para a liña a Ourense en lugar de apostar por un trazado directo a Pontevedra. O BNG, socio do PSOE na aprobación dos Orzamentos do 2010, anunciou onte unha batería de preguntas nas que, entre outras cuestións, exponse o rodeo por Barro ao fío do forte impacto que provoca o percorrido elixido no núcleo de Porráns.
«¿Cales son as razóns de que no proxecto do tramo Ourense-Vigo [denominación oficiosa do AVE Ourense-Pontevedra] óptese por ‘subir’ ao concello de Barro cando o máis razoable parecería unha vía máis directa entre Pontevedra e Vigo?». é o contido da pregunta, formulada pola deputada Olaia Fernández Davila, tras unha reunión con veciños de Barro afectados, que agora deberá responder Fomento.
Os nacionalistas móstranse en contra de que as vías atravesen Porráns, poboación á que cualifican como o «centro histórico, cultural e social do concello». Tamén reclaman que Fomento explique os motivos da elección do percorrido por un núcleo no que se sitúa A Torre, unha leira señorial que conta con protección histórica polo seu alto valor patrimonial.
Queren, ademais, que Fomento explique por que optou pola construción de dous viadutos e non «pola continuación do túnel que se contempla xa no tramo anterior» (bitubo de Fontenlas).