Xunta e veciños pactaron onte sobre plano o redeseño do nó pequeno de
Curro na PO-531. Ao final, as dúas partes chegaron ao acordo de suprimir o impacto dunha vía de servizo que afectaba a dous negocios e de minimizar a afección ao garaxe dunha casa.
Ademais dos veciños afectados, ao nó próximo á igrexa da localidade achegáronse o presidente da plataforma da PO-531, Manuel Corredoira, o alcalde de Barro , José Antonio Landín Eirín, o delegado da Xunta, José Manuel Cores e o xefe territorial de Infraestruturas, Evaristo Juncal, así como técnicos autonómicos. O encontro serviu así mesmo para revalidar a promesa do bipartito de urbanizar a vella estrada C-531 no tramo de Curro .
O nó pequeno de Curro incluirá unha depresión do tronco central da PO-531 e unha rotonda sobre esta estrada que servirá para comunicar os dous lados da parroquia. Ademais, conectará a PO-531 coa estrada de Curro -A Portela e cos polígonos industriais de Barro -Meis, aínda que estes parques terán o seu acceso principal a través do novo supernudo que enlazará a autovía de Sanxenxo, a futura de Vilagarcía e a AP-9.