A Xunta pretende que o tramo da AP-9 entre Pontevedra e Curro (Barro ) quede libre de peaxe. Desta forma, a
autoestrada pasaría a canalizar os tráficos da autovía de Sanxenxo e da futura autovía a Vilagarcía que agora pasan pola estrada autonómica PO-531 Pontevedra-Curro . Así o asegurou onte o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen dixo que o Goberno galego prevé «achegar posturas» e «negociar» para conseguir a gratuidade.
O delegado da Xunta respondía así a unha pregunta sobre a reunión anunciada polo ministro de Fomento, José Blanco, cos responsables da autoestradas para abordar ampliacións en Vigo, Santiago e A Coruña, reunión na que non aparece en principio ningunha alusión a Pontevedra.
Cores asegurou non ter ningunha referencia sobre se se abordarán os problemas de Pontevedra neste encontro. En igual sentido manifestouse horas máis tarde o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera. Este último manifestouse a favor de levantar a peaxe «ata Santiago», pero expresou as súas sospeitas de que se trate dun «brinde ao sol» da Xunta. A este respecto, recordou que o PP privatizou a autoestrada e que agora é moito máis difícil rescatar a concesión para eliminar a peaxe.
Tras esta privatización, os populares prometeron, no entanto, deixar sen peaxe Pontevedra-Curro se chegaban ao Goberno. Louzán, Ana Pastor, Telmo Martín e Agustín Hernández avalaron este compromiso publicamente en febreiro do 2008.