Vecinos afectados pola reforma da PO-531, políticos autonómicos e técnicos da Xunta volven hoxe á estrada para pasar revista ao
tramo entre Alba e Curro . Os veciños pedirán, entre outras cousas, a construción de polo menos dous pasos agrícolas na Devesa e Curro .
A cita foi establecida as 10 da mañá na rotonda de Alba e, en principio, non se espera que xurdan maiores problemas ao tratarse do tramo menos conflitivo do percorrido Pontevedra-Curro .
De momento, hai acordo sobre a configuración dada ás zonas da Devesa, Bretoña e Curro , aínda que quedan aínda algunhas cuestións por solucionar.
Segundo sinalou onte o presidente da plataforma de afectados, Manuel Corredoira, os veciños exporán á Xunta que se constrúan polo menos dous pasos agrícolas na Devesa e Curro .
Os representantes da plataforma din que a circulación pola PO-531 pode converterse «nun caos» se non se habilitan pasos específicos para a maquinaria e os tractores que traballan as leiras.
No entanto, tamén apuntan que os emprazamentos destes pasos deben ser estudados e valorados de acordo cos técnicos de Estradas, a fin de elixir as localizacións e deseños máis apropiados.
O outro gran tema pendente no tramo entre Alba e Curro é a construción dun acceso cara a Sabarís e outras poboacións desde a PO-531. Este acceso viría completar a promesa do Concello no sentido de que a ampliación do viario de Campañó a Ferreirós chegará o ano próximo a Sabarís.
En calquera caso, o clima entre veciños e Xunta parece mellorar notablemente tras o encontro que mantiveron a pé de estrada o pasado día 15 para percorrer o tramo entre O Vao e Alba na parroquia de Campañó.
A Xunta accedeu entón a dar un tratamento urbano ao tramo e a deseñar a vía con catro configuracións distintas en 3.000 metros.