O BNG demanda solucións aos problemas de tráfico no San Antoniño

O BNG ven de presentar unha serie de iniciativas no concello, tanto para solucionar problemas de tráfico e aumentar a seguridade vial no San Antoniño como para mellorar diversos aspectos que afectan á rúa das Baladas.

A falla de previsión no Plan Xeral do concello de Barro a respeito da conversión da N-550 ao seu paso polo San Antoniño nunha travesía urbana, unido ao desenvolvemento urbanístico do centro urbano do concello, está a ocasionar graves problemas de tráfico que afectan á seguridade vial, tanto de peóns como de vehículos.

De feito nos últimos meses, o BNG intensificou a demanda do pintado de paso de peóns e a colocación dun semáforo que regule o tráfico. Pero os problemas de tráfico da N-550 non se reducen só -con ser moi importantes- a estes dous aspectos, que o nacionalismo leva máis de 10 anos reivindicando.

Un dos problemas máis graves que vimos detectando teñen a ver co acesso á rúa das Baladas cando se circula en sentido Caldas de Reis. Neste punto está prohibido o xiro á esquerda, polo que os vehículos teñen que acceder a esta rúa polo seguinte cruce, dirección tanatorio, alternativa que se ve imposibilitada os domingos pola presenza do mercadiño ambulante que impide a circulación por estes viais.

O BNG é consciente que é un problema que non ten unha doada solución, dada a falla de planificación urbanística existente no plan que aprobou o PP. A pesar desta evidente limitación, a gravedade da situación fai que sexa necesario abordar con seriedade todas aquelas alternativas que poidan aportar algunha solución viábel.

Neste sentido, o BNG demandou que se remate a rúa das Baladas até a estrada provincial que une a N-550 e a Estación da Portela e se realice un estudo técnico sobre a posibilidade de facer unha rotonda no cruce da N-550 coa rúa das Baladas e o acceso ao Outeiro e á zona escolar ou, no seu defecto, no cruce co vial do tanatorio. Unha terceira alternativa No caso de que ningunha das rotondas fose tecnicamente viábel, o BNG aposta porque o Concello pida autorización a Fomento para colocar semáforos no cruce da N-550 coa rúa que sube ao Outeiro e á zona escolar, que regule o tráfico de saída da mesma, e a colocación dunha pequena rotonda no lateral da N-550 no vial do tanatorio que permita, a un tempo, realizar o cruce con seguridade e o cambio de sentido.

O BNG presenta unha iniciativa que recolle as demandas das veciñas e veciños das Baladas

O pasado venres, día 20, o BNG organizou unha Asemblea Informativa para falar dos problemas co tráfico, expor as nosas alternativas e recoller as opinións dos veciños e veciñas da zona. Nesta reunión saíron outros temas que afectan de forma especial á rúa das Baladas, e que o BNG ven de rexistrar no Concello. Estes temas son:

O mercadiño e os problemas de acceso e limpeza

A colocación do mercadiño no vial imposibilita que os vehículos poidan acceder aos garaxes os domingos á tarde, ademais de ocasionar serios problemas de limpeza na rúa das Baladas. Para solucionalos, o BNG propón que se estude a posibilidade de recolocar o mercadiño fóra do vial e, de non ser posíbel, que, cando menos se retiren os postos do entorno dos edificios.

En canto ao tema da limpeza, o BNG insta ao Concello a que, no caso de que non teña que facelo a empresa adxudicataria, proceda á limpeza da rúa das Baladas todos os domingos despois do mercadiño. Asímesmo, instamos a pór papeleiras en todo o centro urbano e a limpar a rotonda do tanatorio, que está chea de terra por mor das chuvias.

Aparcamento

Recentemente, o concello pintou a parada do autobús escolar no entorno do colexio, pero se esqueceu de pór a sinalización cos horarios de reserva, o que está a derivar en multas de tráfico a quen aparca neste espazo en horas que non colisionan co horario do autobús escolar. O BNG pide que delimiten as horas de reserva e se autorice o aparcamento en horario non utilizado polo autobús escolar.

Deixar un comentario