Fomento valora por vez primeira desde o 2006 a supresión dunha peaxe da AP-9 na provincia

Os condutores que circulaban pola autoestrada aquel martes, 23 de maio do 2006, levaron unha agradable sorpresa: non había que pagar peaxe na Barcala nin no tramo Vigo-O Morrazo pola ponte de Rande. Desde entón, a supresión de máis peaxes converteuse nunha especie de tema tabú, singularmente os que afectan a Pontevedra, única capital galega que non goza de autovías gratuítas. Calquera proposta de gratuidade na arteria atlántica chocou cun muro de silencio e coa negativa a cifrar o importe da medida. Agora, Fomento afrouxou algo a corda. Por vez primeira desde o 2006, accedeu a valorar o custo de suprimir a peaxe noutro tramo da AP-9 na provincia. En concreto, acaba de cifrar en cinco millóns por ano o custo da gratuidade do traxecto Puxeiros-O Porriño.

A valoración ao redor da gratuidade deste tramo ten a súa orixe na proposta de veciños de Mos, avalada por membros do goberno local, de evitar o impacto das obras nas autovías A-52 e a A-55 para o novo acceso a Vigo a cambio de que o percorrido Puxeiros-O Porriño da AP-9 fose gratuíto. A senadora do PP Dolores Pan levou o asunto á Cámara Alta e onte fíxose público o informe de Fomento coa valoración da supresión da peaxe.

«A proposta de utilizar a autoestrada AP-9 eliminando a peaxe do tramo Puxeiros-O Porriño tería un custo aproximado de cinco millóns de euros anuais no 2009», asegura o ministerio na resposta á senadora.

Estes cinco millóns non se manterían constantes ao longo do tempo. Segundo sinala Fomento, esta cantidade variaría en anos sucesivos «ata o fin da concesión» no 2048 en función da evolución do índice de prezos ao consumo IPC (variación de tarifas) e o tráfico.

O feito de que Fomento valore esta opción non significa nin moitos menos que vaia adoptala. De feito, o departamento que dirixe José Blanco segue adiante cos proxectos, encargados o pasado mes de marzo cun prazo de ano e medio, para dotar a Vigo dun novo acceso en túnel que elimine as perigosas curvas do actual. A idea é construír 10,3 quilómetros cun trazado completamente novo, practicamente recto e con características de autovía (unha calzada de dúas ou tres carriis de 3,5 metros e beiravías exteriores de 2,5 metros). Na zona de Bembrive haberá un túnel duns tres quilómetros de lonxitude e a estrada chegará ata a zona da Pastora. Será a nova entrada á cidade, pola que se calcula que pasarán a diario máis de 40.000 vehículos.

Pero, aínda que Fomento non vaia suprimir peaxes, polo menos accedeu a pór unha valoración sobre a mesa. Algo que non sucedeu noutros tramos para os que se barallou a gratuidade. É o caso do paso gratuíto por Rande para quen viaxan entre Vigo e Pontevedra e do posible levantamento da peaxe entre Figueirido e Pontevedra para descargar de tráfico a N-550, que soporta máis de 20.000 vehículos ao día por dous carriis encajonados entre casas. Tamén é o caso da supresión da peaxe entre Pontevedra e Curro para poder viaxar gratuitamente a Vilagarcía e Sanxenxo.

Deixar un comentario