O Ipespo, organismo autónomo da Deputación para a promoción de chan industrial e residencial, modificou onte o prazo para optar ás 50 parcelas sen vender do polígono de Barro -Meis. As ofertas para facerse con esta superficies, encadradas no sector de Outeda-Curro , estarán sobre a mesa antes de rematar o ano tras acurtarse o período habilitado para presentalas.
O citado organismo publicou o pasado día 2 un anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) no que daba 45 días aos empresarios para optar ás parcelas e sinalaba que o prazo comezaría a contar ao día seguinte da última publicación dese anuncio.
Onte, o Ipespo rectificou no mesmo boletín e sinalou que o prazo de 45 días comezará a contar desde o día seguinte ao de publicación do anuncio de licitación no BOP, efectuado o pasado día 2. Na páxina web da Deputación figuraba onte como data límite para a presentación de plicas o próximo 17 de decembro e a apertura das mesmas a partir do día 23 dese mesmo mes.
Sete euros menos
Datos dados a coñecer por este organismo indican que o prezo das parcelas foi fixado nunha contía de 145 euros o metro cadrado. A institución provincial prevé ingresar 24.326.735,43 euros, sempre que venda as 50 parcelas, que teñen unha superficie total de 167.770,59 metros cadrados. Os 24 millóns serán destinados ao pago de gastos de urbanización do sector de Outeda-Curro .
En xuño do pasado ano adxudicáronse 38 parcelas a 22 empresas, cunha ocupación total de 120.340 metros cadrados, que ofreceron un prezo medio de 152 euros. En conxunto, faltaban entón por vender entre un 55 e un 65% desta fase, é dicir, unhas 39 parcelas.
No entanto, é preciso ter en conta ademais que, coa crise económica, algunhas empresas están a volverse atrás nas reservas de chan que expuxeran e outras cambiaron a localización dos seus negocios. É o caso da harinera navarra, proxecto estrela do novo parque, que inicialmente ía asentarse no polígono de Barro -Meis e que finalmente optou polo Campiño.