Barro, 3 de novembro de 2009. O BNG esixe a presentación do proxecto
definitivo da reforma da PO-531 e a consignación orzamentaria necesaria para comezar as obras o vindeiro ano.
Hai dous anos a Xunta de Galiza presentou o proxecto de reforma da PO-531 entre Curro e Pontevedra. Este proxecto, a pesar de ser unha boa noticia polo importante investimento previsto, tiña un trazado que o facía inaceptábel.
Desde o primeiro momento, tanto o vecindario como as forzas políticas do concello de Barro, rexeitamos o trazado pero recoñecimos un esforzo económico que daba resposta a unha demanda historica de mellora da estrada.
Esta posición púxose de manifesto tanto nas reunións veciñais como na moción presentada polo BNG que foi aprobada por toda a Corporación, e que serviría de base á posterior alegación veciñal.
Ao longo deste tempo realizáronse numerosas mobilizacións, acompañadas sempre de negociacións coa consellaría do Política Territorial do anterior goberno da Xunta, tanto por parte da plataforma veciñal como por parte do BNG. Estas negociacións deron como resultado que o proxecto se reformase totalmente, dando satisfación ás nosas demandas (tratamento urbano da estrada, prioridade peonil e seguridade vial).
Co cambio de goberno na Xunta, producíronse declaracións públicas por parte do novo Conselleiro, nas que manifestaba que as obras comezarían no 2010, cun novo proxecto que recollería as demandas veciñais.
Non obstante, a presentación do proxecto de orzamentos para o 2010 desminte as promesas do concelleiro, ao desaparecer toda mención ao proxecto e ás súas previsións orzamentarias.
Para o BNG isto é inaceptábel. A reforma desta estrada é necesaria e urxente polos problemas de seguridade que presenta e, ao mesmo tempo, non aceptamos que cando a anterior Xunta decide investir unha importante cantidade de recursos públicos no concello de Barro, o novo goberno do PP nos prive desas obras.
O BNG esixe da Xunta a presentación do proxecto definitivo, que recolla as demandas veciñais e, ao mesmo tempo, a consignación orzamentaria necesaria para poder comezar as obras no ano 2010.
O BNG demanda a urbanización dende a rotonda da igrexa até a entrada á autoestrada
Outra das negociacións levadas a cabo tanto polo BNG como pola Plataforma Veciñal, coa anterior Consellaría foi a reforma do chamado nó pequeno (rotonda onda a igrexa), conseguindo que se faga cun tratamento axeitado ao entorno no que se constrúe, ademais do compromiso de urbanizar todo o treito da estrada vella, desde a rotonda até a entrada da autoestrada.
O BNG reclama que se respecten os acordos adoptados no seu día, xa que a posíbel entrada en funcionamento do polígono industrial fai máis necesario se cabe a urbanización deste treito polo incremento do tráfico rodado que se vai a producir.