A Garda Civil recupera unha pa escavadora roubada en Barro

A Garda Civil do posto de Caldas de Reis practicamente esclareceu un canto p17c11f1menos peculiar roubo ocorrido no municipio de Barro o pasado 1 de setembro. Aquel día, os cacos accederon a unha nave industrial que unha empresa de construción utilizaba a modo de almacén e fixéronse cun botín no que destacaba unha voluminosa minipala escavadora.

Tras varias semanas de indagacións e pescudas, os funcionarios responsables desta investigación localizaron a maquinaria nuns terreos do mesmo concello de Barro . Acto seguido, procederon a imputar a un mozo de 24 anos, J.T.S., como suposto autor dun delito de receptación de mercancía roubada. Neste sentido, considérase que tiña no seu poder a citada pa, que é da marca Mustang, segundo apuntaron onte desde a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

As fontes consultadas no seo do instituto armado deixaron claro que este veciño de Barro non foi detido, senón que unicamente foi imputado. Esta circunstancia obrigaralle a comparecer acompañado de avogado cando o xulgado de Caldas de Reis que instrúe este procedemento así o considere conveniente.

Polo momento, a Garda Civil xa remitiu a este órgano xudicial as dilixencias abertas polos investigadores.

Consecuencias legais

No caso de que as imputacións do instituto armado sexan corroboradas pola Fiscalía da Audiencia Provincial, J.T.S. podería ter que facer fronte a unha petición de pena de entre seis meses e dous anos de prisión, ou ao pago dunha sanción económica.

Neste sentido, as fontes consultadas precisaron que, en todo caso, para que exista delito de receptación, a acusación debe demostrar que a persoa supostamente autora do mesmo actuou con coñecemento de que os efectos que adquiriu ou gardou procedían dun roubo, así como que lle moveu «un ánimo de lucro persoal».

Doutra banda, a escavadora será restituída aos seus lexítimos propietarios.

Deixar un comentario