Publican a urxente ocupación dos terreos afectados pola autovía de Curro a Baión

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou onte no DOG o anuncio da urxente ocupación dos bens afectados polo proxecto de acondicionamento do trazado da autovía de Curro a Baión, no seu tramo primeiro desde Curro ao enlace da costa. Segundo explicaron desde a Consellería, este proxecto garantirá a seguridade viaria da zona e facilitará a conexión dos municipios da comarca, permitindo aos cidadáns que se beneficien dun rápido enlace con outras vías de alta capacidade e coa costa.

A Xunta recordou que os viarios actuais presentan deficiencias tanto pola súa antigüidade como polo seu trazado que, en moitos casos, ao discorrer por zonas urbanas, son incapaces de garantir un mínimo de seguridade exixible a unha estrada xeral.

A Consellería puxo en servizo o pasado día 16 a variante de Vilagarcía e está a piques de comezar a obra do enlace da A-9, AG-41, PO-531 e a futura AG-47. Estas actuacións teñen como finalidade recoller as reivindicacións veciñais, reducir ao mínimo o impacto sobre áreas residenciais e, sobre todo, permitir a conexión directa da zona industrial coa rede de alta capacidade. Especialmente está previsto que se poidan beneficiar deste tramo os usuarios da Autovía do Salnés, sacando do enramado urbano o tráfico dos polígonos.

Deixar un comentario