Unha aparatosa saída de vía no quilómetro 121,100 da AP-9, no termo municipal de Barro, mobilizou aos bombeiros de Pontevedra xa que en principio se alertou de que a ocupante do vehículo se atopaba atrapada no interior do mesmo. Finalmente a muller puido abandonar o turismo que conducía polo seu propio pé.
O sinistro produciuse ás 12,48 horas perto da saída de Curro da AP-9 cando o Citroën Saxo que conducía esta muller, P. C. D., de 71 anos e veciña de Vigo, circulaba en dirección para Pontevedra, segundo fontes da Garda Civil de Tráfico. Por causas que se descoñecen, saíuse da calzada e emborcou tras chocar contra a mediana. Esta persoa sufría feridas de carácter leve, segundo Tráfico.