Señor defraudador, hai unha carta para vostede

“Todas as cartas son moi boas e é unha pena ter que escoller tres”. A delegada da Axencia Tributaria, Carmen Paula certamenPintos Vidal, consolou así aos nenos que non resultaron premiados no concurso convocado por este departamento da administración, un certame que propuxo aos escolares un reto: escribir unha carta a un suposto defraudador ou adoptar a posición do presidente dun país imaxinario e decidir o destino dos impostos.
As alumnas do CEIP Amor Ruibal de Barro Jessica Alonso Sartal, de 11 anos, e Susana Abalo Barros, de 12, e a súa compañeira do colexio de Tebra en Tomiño Beatriz Pereira Expósito, tamén de 12 anos, foron premiadas nesta segunda edición do certame no que competiron 55 traballos.
“Señor rapina” e “dedicada ao avarento defraudador” foron os encabezamentos escollidos por Beatriz Pereira e Jessica Alonso, que lembraron a ese anónimo incívico durante a lectura das súas redaccións que os impostos serven para pagar a educación, a sanidade ou o deporte. “E é mellor pagar polas boas e gozar que pagar polas malas e defraudar”.
Pola súa banda, Susana Abal optou por poñerse na voz dun presidente e prometeu “recadar para bientratar e vivir en paz, harmonía e liberdade”. As nenas recibiron como agasallo un diploma, un reloxo e a novela de Defoe Robinson Crusoe e tanto elas como os case 50 compañeiros que acompañáronas na entrega foron invitados a unha merenda na Ferrería.

Deixar un comentario