O programa «Preescolar na casa» impulsa visitas de familias á illa de Cortegada e A Barosa

As familias dos concellos de Barro, Caldas, Cuntis, Moraña e Portas participantes no programa de Preescolar na casa farán este mes varias saídas. Segundo explicou onte a orientadora de zona, María del Carmen Fresco, as actividades consistirán nunha visita guiada á illa de Cortegada e nunha merenda no parque natural do río Barosa, en Barro. O curso oficial 2008/2009 de Preescolar na casa xa finalizou, pero programáronse estas saídas.
A visita a Cortegada farase pola tarde en catro grupos desde mañá e ata o próximo luns. O día 15 a visita será gravada pola TVG, xa que na televisión pública de Galicia Preescolar na casa ten un espazo que se emite todos os sábados ás 8.30 horas.
A actividade de Cortegada estará coordinada pola empresa Corticata, que fará da visita guiada pola illa unha estimulación dos sentidos a través da explotación do contorno. Dado o interese das familias e para aproveitar mellor a xornada optouse por establecer catro quendas. Non obstante, todas as participantes se juntarán o día 18, xoves, no parque natural do río Barosa, en Barro, para compartir unha merenda a partir das 17 horas.

Deixar un comentario