Con música e palmas recibiron onte os alumnos do colexio Amor Ruibal de Barro ao ciclista Ezequiel Mosquera. O líder
do Xacobeo Galicia acudiu pola mañá á biblioteca do municipio para recoller o primeiro Premio Mimi ao Persoeiro do Ano votado polos propios escolares.
Como mestra de cerimonias exerceu unha das profesoras, Beatriz Sayáns. «Hoxe estamos todos moi nerviosos porque para nós é un día moi especial», dixo micrófono en man. A mestra explicou no escenario e ao lado de Ezequiel Mosquera como xurdiu a mascota Mimi e o galardón.
A mascota, un mapa de Galicia con faccións, é obra de Aroa. Das bases do premio ocupouse o equipo de normalización lingüística do centro e a partir de aí o traballo foi dos alumnos, que enviaron cartas e fixeron murais cos candidatos. Chegaron propostas da Real Academia Galega, as Universidades de Vigo e Santiago, a APA da escola e o Obradoiro Río Umia, que foi quen propuxo ao ciclista de Teo, que finalmente se impuxo nas votacións.
Beatriz Sayáns lembrou que o Mimi, ademais de recoñecer a traxectoria deportiva de Ezequiel Mosquera no ano 2008 -foi cuarto na Volta a España-, premia que o ciclista empregue a lingua galega na súa vida diaria. Foi outra nena, Carlota, a que en nome do colexio entregou ao corredor do Xacobeo o premio. tralos aplausos, a profesora pediulle ao deportista que explicase como chegou a ser unha das figuras máis importantes do ciclismo español porque «non todo é chegar arriba e non se fai dun día para outro».
Do balón ás dúas rodas
As primeiras palabras de Ezequiel Mosquera foron de agradecemento para os alumnos e os docentes e de certa sorpresa porque un colexio que está a 40 quilómetros da súa casa acórdese del. O revuelo dos pequenos e o eco do salón de actos puxo en garda ao ciclista: «Se calades falo, se non, non». O corredor do Xacobeo expuxo a súa receita para o triunfo: esforzo físico, dedicación e, sobre todo, ser moi cabezón. «Se non, non chegas a ningunha beira».
Próximo e sincero, lembrou como con 18 anos iniciouse no calendario amateur. «Foron anos moi puñeteros e de non acabar unha carreira. Houbo moitas miserias e acabar unha proba era como gañar». Despois chegou a súa etapa en Portugal, algo que lle permitiu ser profesional en España. «Falo portugués case como galego porque estiven seis anos alí», chanceou. Tras recalar en varios equipos acabou no Karpin, agora Xacobeo. E reiterou a receita antes de someterse ás preguntas dos nenos: «Ser moi cabezón e traballador, como nos estudos».
Raúl abriu a lume e preguntoulle polas Olimpíadas. «Quédanme un pouco lonxe. Con 33 ano igual chego un pouco xusto». Outros interesáronse polo número de bicis que ten, por cuántas caídas sufriu e por que quería ser de pequeno. «Como todos futbolista, a min poñíanme sempre de porteiro e tiven que cambiar ou rumbo». O máis duro? Sen dúbida, o Angliru. «É unha parede, non unha suba».