A ANPA do Amor Ruibal volve a pedir máis seguridade na N-550

A xunta directiva da Asociación de Nais e Pais de Alumnos do colexio Amor Ruibal de Barro seguirán adiante coas protestas para pedir máis seguridade na estrada nacional 550. Esta é a decisión á que chegaron nunha xuntanza celebrada no centro. Entre as medidas que demandan ó Ministerio de Fomento están a colocación de badéns e pasos de peóns que minimicen o risco de ser atropelados ó cruzar a vía.

O vindeiro domingo 25 de xaneiro ás cinco da tarde é a data elixida pola ANPA para continuar coas mobilizacións en demanda de máis seguridade para a estrada Pontevedra – Santiago. Trátase da vía principal do concello que divide o municipio deixando a un lado a meirande parte das vivendas e a farmacia, e ó outro a Casa do Concello, o Centro de Saúde e o colexio. Para cruzar dunha beira a outra, os veciños de Barro non dispoñen de ningún paso de peóns nin semáforo que regule o tráfico. É por isto que demandan ó Ministerio de Fomento a colocación de badéns, pasos de cebra e sinais que permitan atravesar a estrada sen risco de ser atropelado.

A Asociación de Pais e Nais non recibiu ata o de agora ningunha resposta de Fomento, polo que decidiron seguir coas protestas ata que o ministerio se pronuncie. Dende o concello apoian as reivindicacións deste colectivo e remitiron tamén un informe á Demarcación de Estradas no que se contemplaba a construción de tres rotondas e catro pasos de peóns para regular o tráfico, unha proposta que foi denegada por cuestións técnicas.

tele-salnes

Deixar un comentario