Así o explicou onte a conselleira de Política Territorial, María José Caride, que visitou Vilagarcía e fixo un amplo repaso ás infraestruturas viarias previstas entre ese municipio e Pontevedra. En apenas un ano, a configuración das conexións viarias de Vilagarcía e a súa área de influencia sufriría un xiro de 180 graos. Polo menos así o prevé a conselleira, que onte aproveitou a súa visita á cidade para confirmar que as obras para converter en autovía os 17 quilómetros da vía rápida do Salnés concluirán antes do verán, que a variante norte estará operativa a finais de ano e que a vía rápida do Barbanza poderá reabrirse a principios de 2009.
Vía do Salnés
Caride visitou Vilagarcía para asinar un convenio coa alcaldesa que permitirá dotar de beirarrúas a Bamio, Solobeira e Cornazo. E aproveitou a súa estancia para subliñar o esforzo investidor que realizan as administracións autonómica e estatal ao obxecto de suplir as importantes carencias que sufría a comarca en materia de mobilidade e seguridade viaria. Un déficit que, na súa opinión, condicionaba o desenvolvemento de Vilagarcía. Nese sentido, recordou que, neste momento, o seu departamento está executando na zona obras por un orzamento superior aos 235 millóns de euros. Trátase da circunvalación norte, que rolda os 29, as dúas conexións (cara a Vilagarcía e cara á autoestrada A-9) do viario portuario, que roldan os 5 e a autovía do Salnés, de case 55. Ademais, traballan no deseño da autovía entre Pontevedra e Vilagarcía que suporá un investimento próximo aos 150 e destinarán 2.350.000 euros, divididos en dúas anualidades, ao convenio para a dotación de beirarrúas asinado onte.
Este esforzo investidor súmase aos 28 millóns de euros que destina Fomento ao novo acceso do Porto á autoestrada.
Conexión con Pontevedra
Caride fixo especial fincapé na defensa da obra que mellorará a conexión entre Vilagarcía e a capital de provincia recalcando que se executarían dous tramos totalmente distintos: o que unirá Vilagarcía con Curro a través dunha autovía e o que unirá esta localidade con Pontevedra. Ante as críticas vertidas polos afectados deste segundo tramo insistiu en que non se trata dunha autovía senón dunha vía de alta capacidade. E subliñou o feito de que, a pesar de que xa era un viario da Xunta e xa que logo non era obrigatoria a exposición pública, decidiuse sometela a este trámite para intentar minimizar os efectos da obra, grazas ás alegacións que presenten os afectados. Ese prazo aínda non terminou aínda que o seu desexo é concluílo canto antes dada a urxencia da mellora. De feito, os afectados celebraron a última hora da tarde de onte unha reunión e a súa previsión era entregar as alegacións hoxe, á primeira hora.
Opción “imposible”
Caride insistiu en que comunicar Curro con Pontevedra a través dunha autovía era, polas características do terreo, totalmente imposible e que por iso se habilitaron dúas solucións. A primeira, incrementar a capacidade da estrada aumentando, onde fose posible, o número de carriis, a seguridade viaria e o control sobre os vehículos que se desprazan a esquerda e dereita a fin de garantir unha maior fluidez.
A segunda, establecer unha negociación con Fomento para intentar conseguir que a circunvalación de Pontevedra chegue ata Curro, logrando dese modo un enlace directo con Vilagarcía e O Salnés. A titular de Política Territorial recordou que xa estaban falando con Fomento para definir un proxecto que permita que parte do tráfico que salga de Vilagarcía circule por vía libre de peaxe ata Pontevedra e Vigo.
Política Territorial e Fomento negocian a unión da circunvalación con Curro
A vía do Salnés, en proceso de desdobramento para converterse en autovía entre Curro (Barro) e Sanxenxo, estará en funcionamento o próximo verán, e, por outra banda, a Consellería de Política Territorial negocia co Ministerio de Fomento o último tramo do trazado definitivo da circunvalación de Pontevedra, desde a estrada de Campo Lameiro (onde finaliza o tramo xa aprobado) e o nó de Curro. o obxectivo destas negociacións é que a rolda pontevedresa conecte nese punto coa futura autovía de Arousa.