Afectados pola reforma da PO-531 cualifican o proxecto de “crime”

Os afectados pola futura ampliación da estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía ao seu paso polas parroquias de Portela e Fachendoso, no municipio de Barro, e da Devesa, Alba e Campañó, no de Pontevedra, consideran que o proxecto é un “crime” contra os veciños desta zona.
Constituídos na denominada ‘Plataforma 531’, calculan que a reforma afectará a uns 400 veciños e directamente a unhas 70 casas, das cales 12 serían expropiadas.
Os representantes da plataforma compareceron en rolda de prensa acompañados por representantes de diversas entidades veciñais de Pontevedra, como mostra de “solidariedade” coa súa causa. Desde a ‘Plataforma 531’ reiteraron o seu “rexeitamento total” ao proxecto presentado pola Consellería de Política Territorial, argumentando que senten “discriminados” polo deseño que presenta esta obra a diferenza doutras estradas interurbanas.
Así, citaron como exemplo a dotación de beirarrúas, semáforos e pasos peonís nas estradas de Sanxenxo, Marín, Santiago, Pontecaldelas, Vigo e Orense, a diferenza da reforma prevista nos 8,5 quilómetros deste viario.
O presidente da ‘Plataforma 531’, Manuel Corredoira, reclamou como alternativa a gratuidade do tramo da autoestrada AP-9 entre Pontevedra e Fachendoso, a A-57 coa futura Rolda de Pontevedra ou a posta en marcha dun proxecto de mellora da seguridade viaria para os peóns.
Pola súa banda, o vicepresidente do colectivo, Fernando Moledo, criticou que esta obra provocará o “estrangulamiento” das parroquias afectadas, ao considerar que “elimina totalmente o tránsito agrícola”. Outro dos vicepresidentes da plataforma, Sabino Cancela, advertiu de que a ampliación da PO-531, segundo o proxecto encargado pola consellería, “non solucionará nada en seguridade viaria nin na axilidade do tráfico”.
Os veciños que, antes do próximo 23 de xaneiro, presentarán todas as súas alegacións, van organizar cara a finais deste mes unha manifestación pacífica para expresar a súa oposición ao proxecto.
Tamén iniciaron unha rolda de contactos políticos; tras obter o respaldo dos grupos municipais do PP, BNG e PSOE no concello de Barro, reuníronse co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores; durante esta xornada entrevístanse cun portavoz do PSOE e mañá serán recibidos polo grupo municipal do PP de Pontevedra.

Deixar un comentario