Fonte : BNG de Barro.
O PP está preocupado porque ve cada vez máis difícil que poida volver recuperar o goberno. Nese estado de nerviosismo e desesperación intentan lanzar mentiras para embarrar a campaña electoral. Pero isto non é unha novidade, pois o candidato do Partido Popular é algo no que ten moita experiencia.
Que as vinte persoas que acompañan a Landín na candidatura nin teñan experiencia nin coñecementos a cerca de como funciona unha tramitación administrativa nunha institución é, dalgunha maneira, entendible, pero que alguén que foi 32 anos alcalde dun concello ande a estas alturas con mentiras e bulos deste tipo non é máis que unha falta de respecto ás veciñas e aos veciños de Barro. O único que demostran con estas prácticas é que só saben mentir e tratar de enganar ás veciñas e veciños de Barro.
O goberno municipal fai as cousas dunha forma limpa, pulcra e transparente; algo que choca frontalmente co estilo do Partido Popular de Barro.
MODIFICADO NUN PROXECTO
Na execución de calquera obra que se prece, sempre poden aparecer cuestións que leven a unha administración a modificar o proxecto inicial, co obxectivo de solucionar algún problema que se descubra na execución da obra ou de mellorar o proxecto. Isto é algo totalmente regular e que sucede constantemente en todas as administracións.
Na execución da piscina municipal de Barro está pasando algo similar. A empresa que gañou o concurso fixo unha baixa económica e o goberno, para non perder a parte desa subvención da Deputación que se perdería tras a baixa económica da empresa, decidiu inverter eses cartos en mellorar aínda máis o proxecto, sen sobrepasar o que estaba orzamentado.
En consecuencia, o proxecto non terá un custe superior ao orzamentado e a rebaixa económica da empresa será invertida no propio proxecto.