O municipio de Barro acolle a “III Gala Solidaria” que terá lugar o próximo domingo en Curro. Baixo o lema “Música por alimentos” a partir das cinco da tarde celebrarase unha gran verbena coa participación das orquestras Capitol, Passarela, D ´ Moda e América.
Os asistentes ao evento deberán facer entrega á entrada de, polo menos, un quilo de alimentos non perecedoiros que se recollerá no campo da festa.
Esta gala solidaria comezará ás catro e media da tarde coa Festa do Neno, na que haberá atraccións para todas as idades, con prezos populares e estenderase ata o anoitecer.
Co que se recade neste festival de orquestras preténdese axudar as persoas máis necesitadas do municipio, e en especial daquelas que residen na parroquia de Curro.
A organización, entre os que se encontran a Comunidade de Montes de Curro, Iluminacións Umia e Galicia Espectáculo, anuncian que haberá polbo e churrasco para os asistentes a prezos populares.
O festival terá lugar no campo da festa de Curro e en previsión de mal tempo instalarase unha carpa para acoller a actuación destas catro orquestras.