A Plataforma que reclama a mellora da estrada PO-531 entre Curro (Barro) e Pontevedra quere reimpulsar o proxecto. Como primeiro paso, o colectivo solicitará unha reunión co delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, un dos seus principais valedores e a quen interrogarán polo estado da reforma.
«Levan sete anos sen facer nada e queremos un compromiso firme», asegurou Manuel Corredoira, portavoz da plataforma, tras a reunión celebrada cos seus compañeiros. O certo é que o proxecto sufriu varias modificacións desde a súa presentación na etapa do bipartito na Xunta de Galicia. A chegada do PP ao poder puxo á Administración autonómica ao lado dos veciños, que foron incluíndo as súas peticións no deseño previsto. Con todo, hai varios anos que non se sabe nada dunha reforma que incluía a expropiación de cinco casas en Curro e A Devesa. «Tampouco quixemos apurar moito todo isto, porque hai outras prioridades como a sanidade ou a educación, pero, se hai diñeiro, isto é o máis urxente en Galicia a nivel de infraestruturas. Esta plataforma tivo o apoio dos veciños e son os veciños quen se preguntan que pasou. Houbo moitos cambios por parte da Xunta e todos vímolo moi ben en pantalla, estabamos de acordo en todo, pero non hai nada. E hai outras preocupacións a maiores. Por exemplo, ¿que ocorre cos donos das vivendas que estaba previsto expropiar? ¿Arranxan as súas casas ou non? Existe unha incerteza», engade Corredoira.
O portavoz veciñal incide na urxencia da reforma e recorda a cantidade de polígonos industriais que hai na zona, sobre todo no Salnés, o que implica un tráfico pesado. «Esta estrada non ten nin beirarrúas, nin seguridade de ningún tipo para os peóns. Cero. Iso aparte do firme, que o poden comprobar todos os condutores que pasan por aí e que é un desastre absoluto», afirma.
Os veciños non teñen pensado mobilizarse polo momento e apuntan como unha solución inmediata que non necesitaría esperar ás obras a gratuidade da AP-9 no tramo entre Curro e Pontevedra, o que aumentaría o tráfico na autoestrada e reduciríao na PO-531.